Os equipos de categoría nacional da SAR e o Balonmán Chapela remataron a xornada con derrotas.
División de Honra Prata Feminina
SAR Rodavigo 13-18 Handball Camargo
Ao equipo redondelán escapáronselle os dous puntos da Bombonera nun mal partido fronte ao conxunto cántabro. As de Elisardo González “Chini” comezaron xa co parcial en contra desde os primeiros minutos, con moitas dificultades tanto para superar a defensa do Handball como para atacar á porteira rival. A SAR ocupa agora a 7ª praza, na próxima xornada repiten como locais ante o Lanzarote Zonzamas, líder do grupo.
Primeira Nacional Masculina
Balonmán Ingenio 26-23 SAR Plastic Omnium
Regresan sen puntuar das Canarias os xogadores de Pablo Muíños. Malia que acadaron unha escasa marxe ao descanso (11-12) non foron quen de aguantar os minutos finais e os locais fixéronse co partido. Na próxima xornada reciben ao Atl. Bueu, 4º do grupo.
Rodosa Chapela 19-25 Calvo Xiria
A boa nova para o Rodosa Chapela foi o regreso de Fran Teixeira, que volveu para dirixir ao equipo logo da súa baixa por enfermidade. O resultado non acompañou ante un Xiria moi forte, que xa é maís líder grazas en gran parte á excelente actuación do seu porteiro Iago. O Chapela, na 3ª praza, xoga a próxima xornada na pista do Cañiza, 6º do grupo.