O proxecto para a reposición dos camiños afectados polas obras de ampliación da AP-9 non convence aos veciños. Tras unha longa espera desde que finalizaron as obras da autoestrada o Ministerio de Transportes e Mobilidade aprobou un plan de 2,92 millóns de euros. Pero o anuncio non deixa satisfeita á Asociación de Veciños de Chapela, xa que non recolle ningunha das alegacións presentadas polos diferentes colectivos. Melloras como a instalación de pantallas acústicas non aparecen no documento. O presidente da asociación veciñal sinala que son “imprescindibles” para reducir o elevado volume de ruído que deben soportar os residentes da zona e os alumnos do IES Chapela. Agardaban que desde o Ministerio contestasen ás alegacións, pero a resposta non chegou. Para Pérez a situación é “de chirigota ” xa que tampouco hai prazos de execución. Outra demanda xa comprometida como a eliminación da peaxe no tramo entre Redondela e Vigo tampouco se fará efectiva “ata o segundo semestre do ano”, atraso que cualifican de “burla”.
O colectivo veciñal agarda que na xuntanza prevista entre a alcaldesa, Digna Rivas, e responsables do Ministerio prevista para o próximo 23 de marzo “se aclaren os prazos e as actuacións de mellora que se van realizar na parroquia”. A paciencia dos veciños “esgótase” polo que convocan unha manifestación para o vindeiro 27 de marzo en colaboración coa Asociación de Veciños de Teis e a de Trasmañó. Sairán á rúa para esixir a eliminación da peaxe “xa” e a reparación das vías afectadas polas obras da autoestrada. Reclaman tamén as melloras comprometidas, como as pantallas acústicas, e o tramo urbano cara Vigo con entrada e saída da AP-9 á altura da zona coñecida como Torres de Padín.
Concurso fotográfico coas peores beirarrúas
A asociación veciñal dá un paso máis nas súas “Crónicas do abandono de Chapela” coas que periodicamente denuncian nas redes sociais os problemas de infraestruturas da parroquia. Fano co concurso fotográfico “La acera que me desespera”. A directiva da asociación tira de retranca para poñer de manifesto o mal estado das beirarrúas da parroquia. Asegura Pérez que son “moi poucas e presentan un estado lamentable”. Fochancas, pezas levantadas, beirarrúas moi estreitas e grandes desniveis son algúns dos problemas. Ante a falta de resposta despois de anos reclamando melloras, deciden poñer en marcha este certame fotográfico para visibilizar este problema.
Un xurado votará a peor beirarrúa en relación ao estado, accesibilidade, aparencia ou limpeza. Advirten que se valorará “o realismo” sobre a calidade da imaxe. As fotografías poden enviarse ao enderezo electrónico avvchapela@gmail.com ou á páxina do Facebook da Asociación de Veciños de Chapela. O prazo de entrega remata o 12 de abril. O premio inclúe a publicación da imaxe na páxina da rede social e tamén un lastro e un quilo de cemento “que a asociación pedirá ao Concello”.