O comisario xefe da comisaría de Vigo e Redondela informou en conferencia de prensa de que a intención do detido polo crime de Chapela era a de roubarlle a droga e os cartos que tiña a vítima, e non matalo. Carlos Alfonso Valcárcel dixo que a morte se produciu por sufocación, xa que lle tapou o nariz e a boca. Despois de atar á vítima de pés e mans, o detido botoulle un chaleco por riba como “mostra de arrepentimento”, tal e como destacou o comisario.
A vítima dedicábase á venda polo miúdo de drogas e o detido era comprador habitual. Segundo relatou Valcárcel, o autor dos feitos estaba convencido de que lle vendía droga adulterada e acudira á súa vivenda para arrebatarlla. Segundo destacou o comisario foi unha investigación “moi complexa” porque citaron a declarar aos presuntos compradores de droga.
Nun primeiro momento pensaban que poderían ser dúas as persoas implicadas no suceso, pero só interveu o detido, tal como aclararon aos medios. Dado que a vítima sempre contactaba cos seus clientes por teléfono antes dunha venda de droga, a Policía examinou quen foi o último comprador en chamar ao móbil do falecido e descubriron que era un veciño que vivía a un quilómetro da súa vivenda. No rexistro da casa apareceu unha cinta adhesiva de embalar similar á que foi usada para atalo. O sospeitoso ao verse descuberto, colaborou coa policía. O implicado, M.M de 42 anos de idade, suma catro antecedentes por droga, malos tratos, ameazas e roubo en vehículo.
No salón de actos da comisaría de Vigo onde se ofreceron estes datos estivo a comisaria provincial de Pontevedra, María Estíbaliz Palma Varona, e o comisario de Vigo, Carlos Alfonso Valcárcel Araujo, así como altos mandos e xefes de investigación do homicidio de Chapela.