Representantes do PP de Redondela mantiveron unha xuntanza coa conselleira Ethel Vázquez, na que a titular de Infraestruturas os informou dos compromisos acadados polo presidente da Xunta e o ministro de Transportes, na xuntanza do pasado día 10. A Xunta de Galicia trasladou ao goberno central as demandas dos veciños de Chapela e Trasmañó, entre elas “a saída en Fonte da Fraga, a conexión a través de A Pousadoura ata as Catro Pontes, e a necesidade de que o tramo entre Torres de Padín e Vigo sexa urbano”. Ethel Vázquez, tamén fixo chegar ao Ministerio “a necesidade urxente de instalación de pantallas anti ruido”, como se comprometera o Goberno, “e a reposición das vías municipais que se viran afectadas polas obras de mellora e ampliación da AP-9”. Na xuntanza participaron a voceira municipal Carmen Amoedo, o deputado autonómico Alberto Pazos, o deputado nacional Javier Bas e a presidenta da xestora do PP Ana Alonso. Amoedo sinala que a situación que viven os veciños de Redondela é “un agravio” e critica a actitude do goberno local que está “desaparecido” neste tema.
Estas demandas dos veciños de Chapela e Trasmañó volverán poñerse enriba da mesa na próxima xuntanza entre o presidente Feijóo e o ministro Ábalos prevista para o 9 de abril. Para Amoedo é fundamental que as obras de mellora se fagan “canto antes, porque están comprometidas desde 2019”. Advirte que son “todos os veciños do municipio, negocios e comercios os prexudicados por esta situación”.
Estas son algunhas das reclamacións que levarán á rúa as asociacións de veciños de Chapela, Trasmañó e Teis na manifestación convocada para este sábado, día 27. Unha mobilización na que Amoedo asegura vai estar tamén o PP redondelán “como xa estivemos nas manifestacións cando gobernaba Rajoy”, sinala a voceira popular.