Terceira División
Deportivo Fabril 1-2 Choco
A segunda fase da Terceira División non podía comezar mellor para o conxunto redondelán, cun triunfo a domicilio no campo do Deportivo Fabril. E iso que o Choco viaxaba a Coruña con importantes baixas, entre elas a do porteiro Cortegoso. Debutou Kevin baixo os paus e asinou un gran partido. Caloi e Comis foron os autores dos tantos choqueiros que lle deron a vitoria por 1-2 no encontro disputado onte domingo en Abegondo.
O equipo de “Gonza” demostrou a súa mellor versión, dominando o encontro dende o comezo e con boas chegadas á portería de Brea. Xa nos primeiros minutos Caloi abriu o marcador tras recibir un balón no borde da área, e cun disparo axustado bate a Brea. Tralo tanto o Choco seguiu achegándose á área coruñesa, pero no minuto 10 un penalti por man na área de Samu foi transformado en gol por Adri Castro. Co empate o encontro medrou en intensidade. O Choco tivo varias ocasións, pero faltou o acerto e coa igualada chegouse ao descanso. E houbo polémica tras un penalti a Guille reclamado polo equipo que nesta ocasión non foi sancionado polo trío arbitral.
A segunda metade comezou igual que a primeira, e aos poucos minutos os de “Gonza” adiantáronse no marcador cun tiro dende fóra do área ante o que nada puido facer Brea. O equipo local tentaba ter a posesión mentres o CD Choco aproveitaba as contras, pero ningunha das chegadas foron materializadas en gol. Tal como pasou na primeira metade, o partido acabaría con polémica tras unha cesión dubidosa pitada ao CD Choco pero que o Fabril non soubo aproveitar para subir o empate o marcador.