As tripulacións do C.R.Chapela subiron tres veces ao podio nas finais do campionato estatal disputadas auer en Meira, Moaña. Os barcos redondelanos obtiveron dúas medallas de prata, nas categorías xuvenil feminina e cadete masculina, e o bronce na cateogría absoluta feminina. Un balance moi positivo para o club de Chapela, que se suma á festa do remo galego. As embarcacións autonómicas fixéronse con catro do oito títulos en xogo, e un total de 13 medallas.
Samertolaméu, Mecos, Rianxo e Bueu conquistaron os títulos de campións de España de bateis 2021, con dous equipos femininos e dous masculinos. A afección galega non faltou á cita, e malia as inclemencias meteorolóxicas arroupou aos equipos locais neste LXXVIII Campionato de España.
As bandeiras galegas foron para as mozas infantís de Samertolaméu, a segunda das cadetes do Mecos. Nas probas masculinas impuxéronse os infantís de Rianxo e nos xuvenís os remeiros do Bueu. Destacou o C.R. Chapela con tres medallas. A primeira foi a prata na final xevenil feminina (Laura Carracedo, Sara Martínez, Alba Dosantos, Xela Videira e Olalla Martínez, patrón), que llo puxeron moi difícil a Orio, finalemte vencedora. Prata ademais na final de cadetes masculinos (Xoán Covelo, Hugo Rivera, Mario Pio, Nicolás Santorio e Sergio Fernández, patrón), tamén por detrás de Orio. O bronce foi para o absoluto feminino do C.R Chapela, o mellor batel galego da categoría, por detrás de Deustuko, que se fixo coa bandeira, e SDR Astiller, que foron prata.
O club de Chapela preprara xa a temporada de traiñeiriñas, que comezará esta fin de semana con citas en Coruxo e Bueu.