O departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela está a tramitar expedientes a varios propietarios de cans por non levalos “debidamente atados”, logo de provocar varios incidentes como mordeduras a persoas e a outros animais. Nas últimas semanas rexistráronse 7 casos, 5 deles en Chapela e outros en Reboreda e Quintela. O concelleiro, Roberto Villar, explica que os informes foron realizados pola Policía Local. Agora o Concello tramita os expedientes que terá que resolver a Xunta de Galicia, e que acarrexan multas de entre 500 e 2.000 euros.
Desde o ano 2018 en Galicia é obrigatorio que os cans circulen pola vía pública debidamente atados, coa única excepción daqueles lugares autorizados como os parques para cans. Ademais o animal deben estar “ baixo o control e responsabilidade das persoas propietarias, evitando danos ou molestias a viandantes ou a outros animais”.
Denuncias por maltrato animal
Outra preocupación do Departamento de Medio Ambiente son os casos de maltrato animal que se están a multiplicar nas últimas semanas. Despois de que o pasado día 16 unha veciña atopase nun colector do lixo de Quintela cinco crías de gato, sucesos semellantes repetíronse nos últimos días. Novamente varias crías de gato foron atopadas abandonadas en puntos de Rande e Cidadelle. Villar advirte que este tipo de actos son “de especial gravidade”, e que desde o Concello farán “todo o posible” para dar cos responsables. Explica ademais que estes actos de abandono e maltrato “non teñen sentido”, porque se os propietarios non queren facerse cargo das crías poden recorrer ao Concello. “Se avisan ao Concello podemos recoller as crías para que sexan atendidas”, sinala Villar, quen agradece a labor das protectoras de animais “que fan unha gran labor”.
O Concello está a realizar tamén outras labores de prevención, como a esterilización de colonias de gatos.