A Concellaría de Medio Ambiente realizou esta mañá a primeira inspección nas instalacións da empresa Urbaser, concesionaria da recollida de lixo do Concello de Redondela. Dende hai un ano o departamento que dirixe Roberto Villar está a realizar un seguimento das deficiencias atopadas nos traballos que desenvolve a empresa URBASER, e que culminou coa tramitación dun expediente polo incumprimento das prestacións do contrato da recollida do lixo. A falta de recollida nos días establecidos nas parroquias cando hai festivos é unha das reclamacións. Paralelamente, a Concellaría de Medio Ambiente esixiu á empresa a información relativa á limpeza dos colectores do lixo e ás rutas e o número de camións que as executan durante cada servizo. Deste xeito a concellería quere garantir que se cumpre o contrato e os servizos que a empresa ten a obriga de cumprir. Para dar conta da situación, persoal municipal visitou esta mañá as instalacións de Urbaser para esixir esta información. Á espera do resultado da auditoría, se os servizos municipais constatan diferencias entre os servizo prestados e os que figuran no contrato “esixirase que se axuste”, sen prexuízo igualmente da imposición de sancións, sinalan desde o departamento.