Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela solicita a Xunta que revise o permiso ambiental de Aucosa

aucosa

A Auxiliar Conserveira, situada en Punta Chapelisa, parroquia de Trasmañó, fabrica fariñas e aceite de peixe cos residuos procedentes da industria conserveira. Veciños de Cabanas, Rande, Chapela e Redondela leva anos denunciando os prexuízos que causa a actividade de Aucosa, tanto aos residentes da zona como ao medio ambiente, por mor dos malos cheiros e os verquidos á ría. O pasado xoves o pleno da corporación de Redondela aprobou unha moción, proposta polo BNG, na que solicita á Xunta a que revise de oficio a Autorización Ambiental Integrada desta factoría “para non prorrogala”. O voceiro do BNG, Xoán Carlos González, foi o encargado de defender a moción no pleno, na que reiteran que o obxectivo non é “pechar” a factoría, senón o seu traslado “a unha zona industrial axeitada e cumprindo coa normativa europea”.

Xoán Carlos González, voceiro do BNG

A proposta do BNG foi apoiada por todos os grupos políticos agás o BNG. Desde AER, o voceiro Roberto Villar, responsable no Concello da área de Medio Ambiente, explicou que o goberno ten en marcha un expediente cos incumprimentos de Aucosa. Un dos maiores problemas é a acumulación de residuos na explanada exterior da factoría. Os colectores á intemperie cos restos das conserveiras provoca “un fedor insoportable”. As denuncias do Concello, que antes se trasladaban á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, son remitidas agora á Consellería de Medio Rural. Villar informou que unha inspección veterinaria deste departamento fixo en febreiro un informe desfavorable pola actividade da empresa. Lamentou que agora Aucosa impide ao axente de Medio Ambiente do Concello entrar nas instalacións para inspeccionalas, circunstancia que xa foi trasladada á Xunta “sen que ata o de agora deran unha reposta”

Roberto Villar, voceiro de AER e concelleiro de Medio Ambiente

A voceira socialista, María Castro, recoñeceu os problemas que xera Aucosa aos veciños e á ría, polos malos cheiros e a contaminación á ría, pero advertiu que a proposta do BNG “non é de todo correcta”. Explicou que un cambio na normativa establece agora que a Autorización Ambiental Integrada “xa non é temporal, senón definitiva, polo que non hai revisións”. Con todo, apoiaron a moción do Bloque.

María Castro, voceira do PSOE

O PP, única forza que votou en contra da moción, lembrou tamén as molestias que provoca á veciñanza a actividade de Aucosa, pero advertiu que a administración “debe seguir os procedementos que marca a lei”. A voceira popular, Carmen Amoedo, lamentou que o goberno local xerase nos veciños a “ilusión” de que Aucosa podía pecharse

Carmen Amoedo, voceira do PP

A comisión veciñal de Cabanas, Rande, Chapela e Redondela, xunto coa Plataforma en Defensa da Enseada San Simón, entende que este acordo da corporación é “un avance importante” sempre que se transforme en “medidas concretas”. Lembran que o Tribunal Supremo anulou en 2014 a Autorización Ambiental Integrada de Aucosa porque a súa actividade “produce fedores, vertidos, emisións de gases e ruídos que a fan incompatible coas normas urbanísticas do Concello de Redondela”. A comisión apunta que non existen “fundamentos legais” para que Aucosa manteña a súa actividade no litoral de Punta Chapelisa, zona de especial protección ambiental dentro da Rede Natura 2000. Denuncian que está a causar prexuízos “na saúde da cidadanía, no medio ambiente e tamén no sector pesqueiro e marisqueiro” da zona.

Concentración de protesta por mar e terra

O vindeiro sábado, 8 de maior, asociacións veciñais, sociais, a Plataforma en Defensa da Enseada San Simón en confrarías da ría de Vigo convocan unha protesta por mar e terra en protesta polos verquidos á ría e os fedores que provoca Aucosa. Será ás 12.00 horas, por mar con embarcacións de calquera tipo (barcos, piraguas, lanchas, veleiros, etc) fronte ás instalacións de Aucosa, e por terra na estrada á fábrica.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará