Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Por un Bacharelato de Artes en Redondela

bachArtesFoto

A demanda dun Bacharelato de Artes en Redondela é vella, e conta co apoio de toda a comunidade educativa, familias e Anpas. Desde o BNG organizan este xoves unha charla informativa para tratar este asunto, logo de que fora levado en varias ocasións ao Consello Escolar Municipal, sen que o Concello “movese ficha”, denuncia a organización nacionalista. Redondela conta co catro institutos, pero ningún deles imparte esta modalidade de Bacharelato. O alumnado que escolle a rama artística ten que desprazarse a Vigo, Mos ou Pontevedra “cos problemas e o gasto económico que iso supón para as familias”, sinala o deputado Manu Lourenzo. O portavoz de educación do BNG no Parlamento Galego sinala ademais que a escaseza de prazas nesta modalidade actúa como “efecto disuasorio” para moitos mozos que teñen como opción o estudo de artes.

Manu Lourenzo, voceiro de Eduación do BNG no Parlamento Galego

Lourenzo lamenta que un Concello como Redondela “cunha forte dinámica cultural e artística” careza desta formación. O Bacharelato de Artes na contorna da Marisma permitiría tamén á mocidade doutros municipios da bisbarra como Soutomaior ou Pazos de Borbén cursar esta formación.

Comunidade educativa, familias e Anpas reclaman desde hai anos o Bacharelato de Artes en Redondela

O deputado do BNG sinala que o proxecto para crear un Museo Etnográfico nas antigas casas dos mestres, anexas ao IES Illa de San Simón, “podería dar cabida tamén ao Bacharelato de Artes”.

Acto informativo no auditorio da Xunqueira

O acto informativo celebrarase mañá xoves, día 6, ás 20.00 horas no auditorio da Xunqueira. Contará coa intervención dos concelleiros do BNG Jéssica García e Xoán Carlos González, e Manu Lourenzo, quen presentará a iniciativa rexistrada no Parlamento Galego para dotar a Redondela dun Bacharelato de Artes e que se debaterá o venres 7 de maio no Hórreo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará