Dentro das actividades das “Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela” están a realizarse demostracións de cociña en directo. Pucho Barciela e Gilda Pires foron os encargados de abrir as actividades do “showcooking” na xornada de onte, que continúan durante toda a fin de semana. Na carpa situada diante da Casa do Concello o público pode aprender diversas formas de preparar o choco, un excelente produto da enseada de San Simón. Hoxe son Manuel Conde e José Manuel Durán os que amosan os segredos da elaboración dunha tortilla de chocos e uns chocos á galega. Mañá domingo será o televisivo Benigno Campos quen preparará uns chocos con patacas e tirabeques.
As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela, continuarán ata o 16 de maio, e un total de 11 establecementos hostaleiros ofrecerán as súas especiais formas de preparar os chocos. Nalgúns casos poderán degustarse no propio local ou facendo pedidos para levar a casa, mentres que outros dispoñen de servizo a domicilio, totalmente gratuíto para o cliente, a cargo da empresa redondelá Roombo. 78 Gastro Bar, Antolín, Café Bar Os Amigos, Casa Consejo, Casa Mucha, Don Vinarius, Lemos, Meraki, O Xantar de Outelo, Tapería Patri e Vila Bella, ofrecen menús nos o choco é o gran protagonista.
A clientela destas Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela tamén terán premio. Poderán participar no sorteo de agasallos: unha Experiencia de Turismo Mariñeiro para dúas persoas e un Lote de viños Capellán.