Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A ANPA do IES Mendiño rexeita adiantar as recuperacións de setembro a xuño

EXAMES

A Asociación de Nais e Pais do instituto Mendiño súmase á protestas da confederación de ANPAS de Galicia, que xa trasladou á Consellería de Educación o rexeitamento á súa proposta de modificar o calendario escolar. A intención da Xunta de Galicia é adiantar a xuño os exames de recuperación de ESO, 1º de bacharelato e de FP Básica que tradicionalmente se realizan en setembro. O cambio sería efectivo a partir do próximo curso 2021-2022. O presidente da ANPA do IES Mendiño advirte que rexeitan totalmente este cambio, que se fixo “sen contar coas familias” e que prexudicará ao alumnado.

Anxo Lusquiños, presidente da ANPA do IES Mendiño

As ANPAS galegas sinalan que estes cambios que afectan ao calendario escolar teñen unha importancia colectiva “xa que afecta ás familias e ao alumnado”, polo que debe tratarse “con toda a comunidade educativa”. Entenden que perder os exames de recuperación de setembro supón “un recorte inaceptable” nos dereitos dos seus fillos. Lusquiños explica que, de facerse efectivo o cambio, o alumnado que non teña superado unha ou varias materias ao remate o curso, a mediados de xuño, deberá enfrontarse á recuperación a finais dese mesmo mes “cuns 10 días de prazo”. Na ANPA do IES Mendiño afirman que este cambio é un grave prexuízo para os alumnos, que non terán “tempo nin folgos” para superar as materias pendentes, o que provocará “máis abandono escolar”. Anuncian que se oporán a este cambio “con todas as ferramentas” das que dispoñen, e fan un chamamento aos representantes do profesorado para que apoien ás familias nesta reivindicación e se manifesten en contra desta medida “lesiva para o seu alumnado”.

As familias advirten que o cambio de datas deixa aos alumnos sen tempo para preparar os exames

Nas ANPAS entenden que o adianto dos exames ten como único obxectivo “ter rematado todo o traballo administrativo dos centros no mes de xullo”, o que favorece a traballadores e administración “pero prexudica ao alumnado”, sinala Lusquiños.

Dos catro sindicatos que conforman a mesa sectorial, dous deles manifestaron o seu apoio á proposta da Consellería (CIG-Ensino e CC.OO. Ensino), mentres que FeSP-UXT e ANPE Galicia trasladaron as súas reservas ante o cambio e demandan un debate “en profundidade”

O PP veta a creación dun Bacharelato de Artes en Redondela

A proposta de implantar un Bacharelato de Artes en Redondela foi rexeitada no Parlamento Galego polo PP. A iniciativa, que foi defendida polo BNG, solicitaba crear esta especialidade no municipio, xa que non se imparte en ningún dos catro institutos de Redondela. A solicitude non saíu adiante ante a negativa do grupo maioritario do PP, que xustificou a súa posición pola “falta de demanda desta especialidade”. Desde a ANPA do IES Mendiño amosaron a súa sorpresa ante esta negativa “xa que todos os partidos políticos e colectivos de Redondela votaron a favor desta proposta no Consello Escolar Municipal”. Lusquiños fala de “decepción” por parte das familias, xa que “si existe demanda dun Bacharelato de Artes por parte do alumnado”. Actualmente son 30 os mozos e mozas redondeláns que estudan esta especialidade en Vigo, Pontevedra ou Mos. A necesidade de desprazarse a outras localidades e a escaseza de prazas que se ofertan impide que sexan máis os alumnos que optan por esta modalidade.

Na ANPA do Mendiño lamentan que o PP impedise a posta en marcha dun Bacharelato de Artes en Redondela
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará