O Concello de Soutomaior acaba de iniciar os traballos de acondicionamento e humanización dun novo viario en Arcade para dar acceso ao Peirao de Arcade. Coas obras eliminarase un antigo almacén privado de materiais de construción xunto ás vías do tren. Dotarase á contorna do Multiusos de Arcade de novas beirarrúas de tres metros de ancho e crearanse 30 novas prazas de aparcadoiro. A nova calzada terá unha lonxitude de máis de 80 metros e conectará o pequeno viario que dá acceso ao Multiusos coa rúa Carburos, co que se completa o perímetro de todo o recinto. A circulación farase en sentido único até o cruzamento con Carburos, que se será de dobre sentido e por onde se poderá acceder directamente á zona do Peirao. O novo viario contará con sistema de iluminación de baixo consumo, sinalización e a rede de recollida de augas pluviais. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, puxo en valor a mellora que suporán as novas beirarrúas “tres veces máis anchas que as actuais”. Do mesmo xeito indicou que coas novas prazas de aparcadoiro “facilitarase o estacionamento en toda a zona do Peirao e no centro de Arcade”. A actuación conta cun orzamento de 88.000 euros, que o Concello de Soutomaior financiará a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.