Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A emoción de poñer rostro á voz do outro lado do teléfono

CruzVermella

Este mes de maio celebrouse o Día Mundial da Cruz Vermella. Neste ano, marcado pola pandemia e os programas de axuda aos máis vulnerables, a ONG quixo celebralo dun xeito especial. Organizáronse encontros entre usuarios e voluntarios que durante moitos meses estableceron unha relación telefónica, pero que non se coñecían en persoa. En Redondela este programa serviu para que unha das voluntarias, Belén Rodríguez, e a usuaria Carmen Rozadas, puidese verse por primeira vez. Carmen, que ten 95 anos, vive soa en Chapela. É usuaria do servizo de Tele asistencia da Cruz Vermella, e conta co apoio do seu fillo e a súa nora que viven no mesmo predio. Durante o confinamento Belén comezou a chamala tres veces por semana. Levaban máis dun ano falando ata que finalmente este mes chegou o día no que puideron coñecerse persoalmente. Un encontro emocionante no que por fin podían “poñerlle cara á voz do outro lado da liña telefónica”.

Belén Rodríguez explica como foi o encontro con Carmen, de 95 anos de idade

A propia Carmen recoñecía que estivera tan nerviosa polo coñecer a Belén “que non puido durmir”. Tamén para a voluntaria foi “moi emotivo” e sinala que tivo que facer un gran esforzo “por non chorar e abrazala”.

Emoción e nervios ao coñecerse despois de máis dun ano de contacto telefónico

Antes de comezar a pandemia Belén impartía cursos de memoria para os maiores, e cando chegou a Covid tiveron que “reinventarse”. Desde Cruz Vermella organizaron quendas para chamar por teléfono aos seus usuarios. Os voluntarios chamábanos “para interesarse por como estaban, se precisaban medicamentos ou algunha compra e lembrarlles as recomendacións sanitarias”.

Os voluntarios da Cruz Vermella chaman por teléfono aos usuarios para ofrecerlles axuda e compañía

Cruz Vermella en Redondela fixo un balance da actividade desenvolvida durante o último ano e da que se beneficiaron máis de 400 persoas no municipio. Esta cifra é o resultado do informe realizado pola institución no que a actividade que destacou foi o programa de loita contra a pobreza. Axudaron a 175 persoas que foron apoiadas na entrega de alimentos, pago de subministracións, medicamentos, distribución de material escolar ou pagamento de documentos e taxas de viaxe, entre outras cuestións. Durante este período desenvolveuse a atención con diferentes grupos como o programa para persoas maiores, con 222 usuarios en proxectos de teleasistencia domiciliaria, atención a persoas con funcións cognitivas deterioradas e envellecemento saudable. Outra labor esencial son os programas de intervención social nos que foron atendidas unhas 200 persoas.

Por outra banda, o programa de emprego cobrou especial importancia debido á situación de crise actual derivada da pandemia, con 41 participantes no noso punto de información laboral.

Cabe destacar tamén o traballo realizado polo equipo xuvenil de Cruz Vermella con 15 menores do programa de Promoción do Éxito Escolar. Unha labor que foi posible grazas ao traballo de 22 voluntarios e o apoio de 635 socios.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará