A actividade é de balde e está dirixida a rapaces de 3 a 12 anos de idade. Haberá tres quendas, que se desenvolverán desde o 23 de xuño ata o 30 de xullo. Terán prioridade as familias con necesidade de conciliación por motivos laborais.
O Concello de Soutomaior, a través do Centro de Información á Muller, organiza un campamento infantil de conciliación no Multiúsos de Arcade durante os meses de xuño e xullo. A participación é totalmente gratuíta e conta con protocolos de protección contra a Covid-19 . O prazo de inscrición xa está aberto, e remata o 18 de xuño. O obxectivo do campamento é “facilitar a conciliación familiar e laboral durante as vacacións escolares, polo que se dará prioridade aos nenos cuxos proxenitores traballen”, explica a concelleira de Igualdade, Cristina González. O horario do campamento é de 09:00 a 14:00 horas, pero as familias que o precisen poden deixar aos nenos desde as 08:00 da mañá e terán a posibilidade de recollelos até as 15:00 horas. Poden participar as crianzas empadroadas en Soutomaior de entre 3 e 12 anos de idade. Ofrécese a posibilidade de participar en tres quendas diferentes “para cubrir as necesidades das familias”, sinala González Piedras. A primeira será do 23 ao 30 de xuño, a segunda do 1 ao 15 de xullo e a última do 19 ao 30 de xullo. Os solicitantes deberán escoller as quendas por orde de prioridade, cun límite de 50 prazas dispoñibles en cada unha, cun total de 150 prazas. A inscrición pode realizarse de forma telemática a través da páxina do concello de Soutomaior www.soutomaior.com ou no teléfono do CIM, 986 701 227.
A concelleira de Igualdade avanza que no mes de agosto tamén haberá un campamento organizado polo Concello desde o departamento de Deportes, e estudan a posibilidade de facer outra quenda no mes de setembro se houbese demanda por parte das familias.
Medidas antiCovid
Como medida de protección sanitaria, cada participante disporá do seu propio material para as actividades de cada día. Para evitar aglomeracións, tanto a entrada como a saída farase de forma graduada e utilizando todos os accesos dispoñibles.