Moita emoción na última xornada da liga da categoría Xuvenil División de Honra, na que aínda queda moito por decidir. Apaixonante será o partido que o domingo afrontarán os de Alberto Suárez no campo de Convagonda ás 12.00 horas fronte ao TSK Roces. Dous rivais directos nesta última xornada pois tan só os separa un punto e dous postos. O equipo xixonés ocupa a ansiada 4ª praza, que pecha as posicións de salvación, mentres que os de Redondela están na 6ª, igualados a puntos co Arenal. Con todo, o Choco non depende de si mesmo, e ademais dos 3 puntos dependerá dos resultados que se poidan dar noutros dous partidos. Sexa como for, o persoal choqueiro viaxa co obxectivo de facer pleno. O equipo redondelán non viaxará só, parte da Xunta Directiva acompañará ao equipo, como é habitual, e tamén estarán arroupados por algúns afeccionados e familiares dos xogadores.