O Multiusos da Xunqueira acolle a exposición temporal dun ídolo menhir atopado no castro de Negros. Trátase dun achado “único e escaso” segundo os expertos, que se remonta posiblemente aos séculos V ou IV A.C. O menhir betilo exposto foi descuberto polo arqueólogo Eduardo Velázquez no 2020, durante as tarefas de control arqueolóxico que supervisaban os traballos de corta de madeira da Comunidade de Montes de San Estevo de Negros. O arqueólogo Xurxo Constenla, que coordina a mostra, explica a “rareza” desta achado, xa que non existe outro destas características na zona “e ten unha tipoloxía diferente”.
O achado desta peza conecta aos antigos habitantes do castro de Negros coa cultura púnica, dominante no mundo mediterráneo e que tivo presenza no litoral galego, tal e como o demostran os descubrimentos, cada vez máis abundantes, de obxectos procedentes desta cultura. Constenla apunta que este menhir betilo é unha peza pouco común e ten “unha transcendencia brutal a nivel arqueolóxico”
O feito de atopar este menhir betilo no castro de Negros demostra, segundo Constenla, a existencia de relacións comerciais entre os pobos da cultura púnica e Galicia “e que mete a Redondela na Historia de Europa con maiúsculas”. Estes pobos teríanse desprazado desde sur de Iberia e o Mediterráneo ata Galicia navegando a través da fachada atlántica da península. O achado pon de manifesto tamén “o enorme interese arqueolóxico que ten esta área do litoral sur da ría de Vigo”. Por iso agradece o interese do Concello de Redondela de poñelo en valor e organizar esta mostra para que toda a veciñanza poida coñecer a súa historia.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou o traballo realizado por Eduardo Velázquez e Xurxo Constenla “que permite poñer en valor non só este achado, senón tamén a importancia do municipio no contexto histórico e patrimonial”. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa quixo agradecer ao Museo de Pontevedra, onde está depositada a peza, “as facilidades ofrecidas á hora de permitir que este achado puidera ser exposto en Redondela, municipio no que foi atopada ”. A exposición poderá visitarse no Multiusos da Xunqueira ata o 31 de xullo. A partir desa data o menhir quedará depositado, de xeito definitivo, no Museo de Pontevedra. É a primeira peza deste tipo coa que conta o centro museístico.