O próximo venres, 4 de xuño, a comunidade educativa do IES de Chapela convoca unha manifestación ás 20.00 horas xunto á veciñanza da parroquia. Sairán desde a entrada da AP9 e farán un percorrido ata o alto da Encarnación. Unha mobilización na que reivindicarán a instalación urxente de pantallas acústicas na contorna da AP9 para “reducir” o ruído enxordecedor do tráfico. O director do centro, Miguel Pérez, lembra que levan agardando 30 anos. Lembra que existe un compromiso por parte de Audasa, a concesionaria da AP9, e do Ministerio de Transportes “pero todo son boas palabras e levamos anos agardando unha solución”.
Diminuír a contaminación acústica é unha necesidade desde a posta en marcha da AP9, pero a ampliación con dous novos carrís en 2016 empeorou a situación “xa que a que a autoestrada está agora máis preto e hai máis tráfico”. Ademais o protocolo Covilhã deste curso, que obriga a manter as fiestras abertas para mellorar a ventilación “fai imposible unha actividade normal nas aulas”. O alumnado debe soportar un volume de ruído por riba dos 65 dB, incumprindo a lexislación que marca un máximo de 55 dB. Pérez advirte que este ruído constante “provoca tensión, cansazo, e irritabilidade, e reduce o rendemento do alumnado, que se ve prexudicado por esta situación”.
A mobilización foi apoiada unanimemente polo claustro de profesorado e o Consello Escolar, e confían en contar tamén coa veciñanza de Chapela, Trasmañó e Teis, afectados tamén polo intenso ruído da AP9. O tramo de acceso a Vigo é o máis exposto á contaminación acústica de toda a autoestrada segundo recoñece a propia Audasa nun estudo de 2012.
Desde o instituto advirten “que non se cansarán” e seguirán esixindo das administracións públicas e da empresa concesionaria unha solución. Afirman que esta mobilización “é polas xeracións actuais e polas futuras”, e solidarízanse “coa loita e a reivindicación da veciñanza de Trasmañó, Chapela e Teis”.