O BNG propuxo á Xunta no Parlamento galego un proxecto completo de mellora das instalacións do IES de Chapela coa dotación orzamentaria necesaria para un novo acceso peonil dende a estrada nacional, o cubrimento da pista polideportiva, un proxecto para a redución do impacto acústico da estrada nacional e a AP9, entre outras melloras. A iniciativa, defendida pola deputada Alexandra Fernández, tamén recolle a demanda por parte do Goberno galego ao Executivo estatal “do inmediato apantallamento acústico da AP-9 mediante unha solución que comporte o mínimo impacto paisaxístico”. Fernández levou deste xeito á Cámara os problemas estruturais que “sitúan a este centro á marxe da normativa vixente” e ante os que esixiu a intervención urxente da Xunta.
Ante a nova mobilización anunciada para este venres pola comunidade educativa do IES Chapela, Fernández sinalou que é “escandaloso que o alumnado que estarán nas rúas de Chapela son fillos dos que xa se mobilizaron hai décadas pola mesma razón”. Neste sentido, rexeitou que o PP se escude agora en que as pantallas acústicas “son competencia do Estado”, cando a súa instalación foi acordada coa ampliación da AP9 en 2016 “mentres Mariano Rajoy presidía o Goberno central”. Criticou que foi o PP “o que inaugurou ás présas a ampliación da AP9 para aplicar a suba das peaxes sen que esta e outras actuacións comprometidas se fixeran”.
A deputada nacionalista lamentou que, malia que a proposta nacionalista “recolle medidas concretas para dar solucións a problemas estruturais xa históricos neste centro, o PP votou en contra”.