Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela esixe na rúa pantallas acústicas que mitiguen o ruído da AP9

dav

Unhas 500 persoas participaron na mobilización convocada polo IES Chapela. O instituto leva 30 anos soportando o ruído “enxordecedor” da autoestrada que pasa ao lado do centro. Esixen a instalación de “pantallas acústicas xa!”, tal como rezaba a pancarta que abría a manifestación na tarde de onte. O alumnado e profesorado do centro estivo apoiado por veciños e asociacións, así como representantes de todos os grupos políticos da corporación de Redondela.

“Queremos falar sen ter que berrar” ou “Audasa, escoita, Chapela está en loita” foron algunhas das consignas que lanzaron os manifestantes. Queren “feitos, non palabras”, xa que malia os reiterados compromisos da administración e Audasa, empresa concesionaria da AP9, a realidade é que levan anos agardando por unhas pantallas acústicas “que non chegan”. O centro leva convivindo con niveis de ruído superiores aos permitidos por lei desde a súa construción, pero a ampliación da autoestrada hai case cinco anos empeorou a situación “porque agora está aínda máis preto do centro e aumentou o volume e a velocidade do tráfico”, explica o director do instituto, Miguel Pérez. Os problemas agraváronse este curso co protocolo Covid que obriga a manter as fiestras abertas todo o día, “o que fai imposible dar aulas con normalidade”.

Miguel Pérez, director do IES Chapela

Os manifestantes saíron desde o Centro de Saúde de Chapela e percorreron a estrada nacional ata o Alto da Encarnación, e ao regreso leron o manifesto no aparcadoiro do Pavillón Manuel González Soto. No comunicado demandaron das administracións públicas e da empresa concesionaria “a instalación de pantallas acústicas apropiadas aos obxectivos da calidade acústica que se debe ter, e respectuosas co medio ambiente e coa estética e ordenación dunha parroquia xa de seu maltratada urbanisticamente”. Tamén esixiron que se realice no IES un estudo acústico, xa que en 30 anos de historia “nunca houbo unha medición de ruídos”.

A manifestación contou coa presenza da alcaldesa, Digna Rivas, e concelleiros de todos os grupos políticos con representación no Concello (PP, PSOE, AER e BNG), así como asociacións veciñais de Chapela e Trasmañó.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará