As proxeccións ao aire libre comezan esta noite co filme de Oliver Laxe “O que arde”. Nas vindeiras semanas poderán verse as longametraxes “Ons”, “A illa das mentiras”, “Cuñados” e por último “Nación”, que relata a loita sindical das traballadoras da fábrica de Pontesa.
O Concello de Soutomaior abre hoxe o programa de actividades de dinamización do Xacobeo 2021. Un ciclo de cine en galego con cinco títulos, un cada sábado do mes, que finalizará o próximo 3 de xullo. O primeiro filme do ciclo será a galardoada “O que arde”, de Oliver Laxe, que aborda a problemática da desaparición do rural galego e dos incendios forestais. A proxección dará comezo hoxe ás 22:00 horas no auditorio exterior do edificio multiusos de Arcade. Co mesmo horario, e no mesmo lugar, os sábados 12 e 19 proxectaranse as películas “Ons”, de Alfonso Zarauza, e “A illa das mentiras”, de Paula Cons. O ciclo manterá o seu horario, pero cambiará o escenario á alameda Talo Río de Arcade para a sesión do sábado 26, na que se proxectará o filme “Cuñados”, de Toño López, protagonizado por Miguel de Lira e Xosé A. Touriñán. Por último, pechando o ciclo e tamén na alameda de Talo Río proxectarase a “Nación”, de Margarita Ledo. A obra relata, co testemuño das súas protagonistas, a loita sindical das mulleres da fábrica de cerámica da Pontesa. Entrada libre ata completar o aforo.