Manifestación convocada polos colectivos veciñais o pasado mes de marzo
Audasa, a empresa concesionaria da autoestrada AP9, rexeita o acordo proposto polo Ministerio de Transportes para a eliminación da peaxe entre Redondela e Vigo, e a rebaixa da tarifa no resto de tramos. O ministro Ábalos anunciara para o mes de xullo tanto a supresión da peaxe en Rande como as bonificacións para o resto da autoestrada, como a viaxe de volta gratis e o 20% de desconto para os condutores que fagan máis de 20 viaxes ao mes. A unhas semanas da data prevista, Audasa declara oficialmente que non está conforma co plan de rebaixas e bonificacións do Goberno central. O Ministerio de Transportes propuxo unha fórmula para calcular o que debe pagarlle á empresa para compensala polo que deixen de abonar os usuarios, e Audasa non está conforme coas contas. A negativa da empresa concesionaria vai atrasar a posta en marcha dos descontos e a supresión da peaxe Redondela-Vigo, comprometida desde o ano 2017 e longamente esperada polos veciños.
Mobilización dos veciños de Chapela e Teis
As Asociacións de Veciños de Chapela e Teis consideran este novo atraso “unha burla”. Afirman estar fartos de “enganos e escusas” por parte do actual Goberno do Estado e tamén dos anteriores. As demandas veciñais sobre a autoestrada AP9 non se limitan só a supresión da peaxe, lembran tamén a demanda de conversión da autoestrada en tramo urbano desde Padín (Teis) ate o centro de Vigo, con acesos que reducirían o elevado tráfico que padecen Chapela e Teis, especialmente nas avenidas de Vigo e Redondela, e nas rúas Sanjurjo Badía e Travesía de Vigo. Reclaman tamén medidas contra a contaminación acústica comprometidas desde hai anos, coa instalación de pantallas que mitiguen o ruído do tráfico, debido a elevado ruído que padece a veciñanza que vive no entorno da autoestrada AP9. Lembran que tamén están aínda pendentes as obras de humanización e reposición en Chapela, logo da “desfeita” que supuxo na parroquia a ampliación da autoestrada. Ante esta situación os colectivos veciñais de Chapela e Teis anuncian a convocatoria de mobilizacións “para esixir unha data real para a supresión da peaxe no tramo Redondela- Vigo e todas as reivindicacións pendentes relacionadas coa autoestrada AP9”.