A Policía Nacional comunicou onte a detención dun home que forzara a fechadura e o contacto dun vehículo en Redondela, imputándolle por iso un delito de roubo con forza. O detido, de 46 anos, veciño do Porriño. Foi un transeúnte que pasaba pola rúa José Regojo o que avisou ao 091 logo de ver a unha persoa sospeitosa con varias maletas. Cando chegaron os axentes descubriron a un individuo saltando un muro, pero ao decatarse da presenza da policía botou a correr pola rúa, sendo alcanzado aos poucos metros. Mentres un dos axentes identificaba a este home, o outro entrevistouse con varios veciños da zona, que informaron que viran a este home entrando nunha leira da rúa José Regojo, minutos antes. No solar indicado os axentes atoparon varios efectos tirados no chan, ferramentas, documentos e roupa. Nunha bolsa localizaron a documentación dunha furgoneta e un DNI. Localizada a propietaria do vehículo, esta indicou que a furgoneta estaba estacionada no Paseo Xunqueira. Unha dotación policial acudiu ao lugar coa propietaria e comprobou que a fechadura estaba forzada e o interior do vehículo revolto, e que forzaran o arranque. A dona do coche confirmou que faltaban varios obxectos, que coincidían cos que se atoparon na leira da rúa José Regojo. O home foi detido e traslado a dependencias policiais, onde se confirmaron 13 antecedentes policiais, algúns deles por feitos similares.
A intervención foi levada a cabo por axentes do Grupo de Atención ao Cidadán, da Brigada de Seguridade Cidadá, pertencentes á Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela ,coa colaboración da Policía Local. O detido pasou a disposición do Xulgado de Redondela.
A operación forma parte do Plan Especial de Intensificación de Controis Policiais na área de Vigo e Redondela, que por parte da Policía Nacional está a levarse a cabo desde o pasado ano. A Comisaría explica que estas accións son froito da reorganización efectuada “para dotar a Redondela de mellores e maiores medios técnicos e humanos, podendo dese modo dar un servizo integral e de calidade acorde coas demandas sociais e humanas”.