Imaxe do pleno da corporación do pasado mes de maio
Valoriza, a empresa que realiza o servizo de limpeza nos edificios municipais de Redondela, remata o seu contrato o próximo 30 de xuño. O expediente para poñer en marcha o proceso de adxudicación dun novo contrato foi rexeitado polos grupos da oposición no pleno do pasado mes de maio. Onte celebrouse un pleno extraordinario onde se aprobou por unanimidade que a mesma mesma empresa siga continuar realizando este traballo “ata que se licite un novo contrato”. Como lembraron todos os grupos da corporación, trátase dun servizo “esencial”, xa que realiza a limpeza non só dos edificios administrativos do Concello, senón tamén dos colexios, pavillóns e multiusos de Redondela e Chapela, entre outros. Malia o acordo unánime de todos os grupos no único punto da orde do día, a sesión non estivo exenta de polémica. Os cruces de acusacións entre goberno e oposición, e mesmo entre o PP e BNG, foron constantes. A voceira socialista, Olga García, reprochou ao PP, grupo maioritario, o seu afán por “boicotear e descualificar ao goberno local”. Criticou que os populares non apoiasen en maio o novo contrato para licitar o servizo “moi semellante ao que o goberno de Bas tivo durante anos” e acusounos de “irresponsables”.
Tamén o voceiro de AER, Roberto Villar, cargou contra o PP. Acusou á voceira Carmen Amoedo de preocuparse só de “colgarse medallas” co apoio desta prórroga, e criticou que o grupo popular “non faga propostas para mellorar a xestión dos servizos do Concello”.
Amoedo, pola súa banda, acusou á alcaldesa Digna Rivas de ser “incapaz” de xestionar as obrigas do goberno local, e á Agrupación de Electores de “renunciar aos seus principios”. Lembrou que malia o compromiso do goberno bipartito de “remunicipalizar” servizos, nos dous anos de goberno “non avanzaron nada”
Desde o BNG, formación que aposta tamén por xestionar de maneira directa os servizos municipais, lembraron ao goberno local que está “en minoría”. Xoán Carlos González advertiu a Rivas que debe negociar coa oposición para sacar adiante os seus proxectos “e escoller se queren chegar a acordos co BNG ou co PP”
A proposta do goberno bipartito (PSOE e AER) para o contrato da limpeza presentado o mes pasado recollía a adxudicación do contrato por un importe de 2,3 millóns de euros para dous anos. O acordo con AER incluía remunicipalizar “parcialmente” a limpeza a partir do ano 2023. PP e BNG, que suman 11 concelleiros, rexeitárono. Agora o goberno local, que suma 10 edís, deberá chegar a un acordo coa oposición para elaborar e aprobar un novo prego de condicións.