A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada pola Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde, Agustín Reguera, visitou esta semana a Oficina de Información Xuvenil do Concello de Soutomaior, o punto designado pola Xunta da Galicia na comarca para a activación do novo carné xove. Durante a visita, a directora xeral indicou as novidades da nova tarxeta, que pasa a ser gratuíta e sen caducidade ata os 30 anos. Elimínase así a taxa de 6 euros que se pagaba ata agora e obriga de renovación cada dous anos. Este novo carné xove enviarse de forma gratuíta aos máis de 400.000 mozos galegos entre os 12 e 30 anos. A tarxeta inclúe descontos nos máis de 1000 establecementos adheridos á iniciativa. Outra das novidades é a creación dunha aplicación móbil para ter xeolocalizados os locais e os descontos existentes no contorno do usuario. As vantaxes non se limitan a Galicia, xa que tamén son válidas en toda España e nos 40 países adheridos ao programa Carné Xove Europeo. O alcalde de Soutomaior, destacou que a selección de Soutomaior por parte da Xunta como punto de referencia na comarca “é unha mostra do gran traballo que facemos en materia de Xuventude con actividades e iniciativas de todo tipo”, apuntou Reguera.