Esta tarde comeza a VI Feira do Libro de Redondela, que se prolongará ata o domingo cun total de 16 autoras e autores que manterán encontros co público e asinarán os seus libros. A inauguración será esta tarde, ás 19:30 horas na Alameda Castelao. En caso de choiva o acto trasladarase ao vestíbulo do Multiúsos da Xunqueira. O pregón correrá a cargo do xornalista e escritor J. A. Xesteira, que tamén asinará exemplares do seu libro “Cóntamo outra vez, Rick”, publicado por Galaxia. O autor redondelán explica que esta obra recolle relatos curtos de diferentes épocas, algúns con 30 anos de historia. Xesteira enlázaos todos cun fío argumental moi persoal, musical e cinematográfico, propio do autor.
Mañá venres tamén haberá protagonismo redondelán na Feira de Libro, coa participación da escritora e intérprete Xulia María Barros. Ás 19.00 horas a autora estará asinando a súa última novela “A árbore dos vagalumes”, editado por Belagua. A obra conta a historia de Cesantes, parroquia de onde é veciña Xulia María. A enseada e a illa de San Simón son tamén protagonistas desta emotiva historia interxeracional entre un avó e seu neto. “O valor dos afectos e a importancia de conservar a memoria” son o eixo do libro, como nos conta a autora.
Ao longo da xornada do venres pasarán tamén pola feira autores como Valentín Carrera, Victoria García, Sara González Veiga ou Ledicia Costas.
O sábado a representación local chegará da man de Andreia Costas ás 18.00 horas. Escritora, docente e artista audiovisual, Costas asinará exemplares do seu libro “Corazón de vaca e outras vísceras”, editado por Urutau. Esta colección de microrrelatos non deixan a ninguén indiferente, con textos moi breves e de gran fondura que remexen as vísceras do lector. Sen adobíos, Costas fala de mulleres fortes que teñen que tomar “a xustiza pola man”.
O cartel de escritores e escritoras do sábado complétano Jamas, Amara Castro, Lorena Conde e Carlos Méixome. A feira rematará o domingo coa participación de Hortensia Bautista, Moncho Iglesias, María Reimóndez, Luz Darriba e Denis Maza.
Organizada pola Federación de Librarías de Galicia, son catro os establecementos que se darán cita na Alameda: Libraría La Imprenta, Libraría Pedreira, Libraría Molière e Libraría Cortizas. Con elas estará tamén a Deputación de Pontevedra. O evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Redondela.