Logo do éxito de anteriores saídas, a concellería de Medio Ambiente ofrece mañá sábado unha nova ruta en kaiak para gozar da enseada de San Simón. Deste xeito público de todas as idades pode coñecer este espazo natural dentro da rede Natura 2000 “e gozar dun espazo natural único no mundo”. Remar ata unha batea e comprobar toda a vida que acubillan as súas cordas, achegarse ao illote das Corveiras ou saudar de preto ao Capitán Nemo. Todo isto e moito máis poderán vivilo os participantes desta actividade. Ana Vázquez, responsable da empresa Alecrín que organiza a actividade, explica que é un “xeito activo” de gozar da navegación en kaiak e achegarse aos valores que posúe o ecosistema da enseada. A actividade non require habilidades especiais, xa que o manexo do kayak “é moi sinxelo e seguro”, explica Vázquez, polo que pode participar público de todas as idades. A saída está especialmente recomendada para as familias, xa que nenos e adultos “poden compartir unha mañá de ocio e educación ambiental”
A saída será mañá sábado, día 19, desde o porto de Cesantes. O prezo da actividade, bonificada pola concellería de Medio Ambiente, é de 15 euros. Poden informarse no enderezo electrónico turismo@redondela.gal ou no teléfono 986 40 17 13.