Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As ANPAS dos centros públicos de Redondela esixen o Bacharelato de Artes

bachArtesFoto

Asociacións de Nais e Pais de alumnos de catorce centros de ensino de Redondela poñen en marcha unha campaña para reclamar que se imparta o Bacharelato de Artes no municipio. Teñen previsto organizar diferentes actividades para visibilizar esta demanda, e contarán coa participación da comunidade educativa e tamén de distintas persoas do tecido cultural local, como artistas de diferentes disciplinas e músicos. A primeira destas actividades é a presentación dunha moción conxunta que se debaterá no pleno deste mes de xuño, que se celebra o xoves, día 24.

No texto da moción lembran que Redondela é un referente cultural, con manifestacións como os Maios, a Coca ou Festival Internacional de Títeres. Conta con espazos formativos como o Conservatorio Profesional, as Escolas de Música de Chapela e Redondela, e o municipio conta con nomes ilustres do mundo das letras, as artes plásticas, escénicas ou musicais. Por iso lamentan “a eiva inexplicable” que supón que ningún dos catro institutos do municipio imparta o Bacharelato de Artes. O alumnado que quere matricularse neste especialidade ten que facelo en Mos, Vigo ou Pontevedra. Advirten que isto implica “un importante desembolso económico, ademais de investir tempo para chegar ata o centro de estudos”. Non existe transporte público no caso de Mos, e para desprazarse a Vigo ou Pontevedra deben coller ata tres autobuses, explican as ANPAS. Con todo, no curso 2020/2021 foron máis de 30 as matrículas de alumnado de Redondela no bacharelato de artes en Vigo e Pontevedra. Este número será aínda máis elevado para o vindeiro curso ” xa que as consultas feitas no servizo de orientación dos centros sobre esta especialidade foron moitas”. No IES de Mos xa non hai prazas libres a día de hoxe, polo que os interesados están a tramitar as matrículas en institutos de Vigo e Pontevedra. As familias sinalan que, de ofrecerse esta especialidade en Redondela “acabaríase cunha inxustiza que dura moitos anos” e serviría tamén para que a mocidade doutros municipios da bisbarra como Soutomaior ou Pazos “tamén se viran favorecidos”. Lembran tamén que esta proposta “ten o acordo unánime de todo o Consello Escolar Municipal”. Por iso no pleno deste xoves demandan que a corporación municipal apoie a solicitude e se dirixa á Consellería de Educación da Xunta de Galicia “para que se inicien os trámites oportunos para a instauración do Bacharelato de Artes no Concello de Redondela”.

A moción foi presentada polas ANPAS da EEI A Marisma, EEI de San Pedro, EEI de Ventosela, CEIP de Quintela, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Igrexa, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Cedeira, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Reboreda, CEIP Santa Mariña, IES Chapela, IES Illa de San Simón e IES Mendiño.

O pasado mes de maio o BNG levou ao Parlamento de Galicia esta proposta, que foi rexeitada polo PP.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará