Patricia Rodríguez e Heidi Vander Biest acaban de poñer en marcha “Pegadas con alma”, unha iniciativa creada “para impulsar accións de voluntariado social e crecemento persoal” na área de Redondela. O seu obxectivo é axudar a construír unha comunidade “máis solidaria, sensible e integrada”.
Veciñas de Chapela e Redondela, respectivamente, Patricia e Heidi están sumando cada vez máis apoios ao seu proxecto. Xa presentaron a súa primeira iniciativa solidaria en colaboración coa Asociación Lenda Saúde Mental. Do 2 ao 9 de xullo farán o Camiño de Santiago entre Triacastela e Compostela, un total de 130 quilómetros. Con este reto recadarán fondos para renovar o material deportivo que utilizan os usuarios de Lenda nas súas terapias. Calquera pode axudar. Os particulares que se sumen á iniciativa poden colaborar cunha doazón de 5 euros por quilómetro. Tamén entidades ou empresas poden ser patrocinadores desta iniciativa.
Desde que puxeron en marcha esta iniciativa están a recibir moito apoio. O reto é recadar 1.604 euros, cantidade necesaria para renovar todo o material deportivo de Lenda. Pero o obxectivo vai máis aló. Ademais de recadar fondos, este reto quere ser tamén un xeito de “visibilizar e normalizar” as enfermidades mentais. Patri e Heidi advirten que aínda existen moitos tabús na sociedade que hai que erradicar, “porque problemas como a ansiedade, o estrés ou a depresión poden afectarnos a calquera”.
Contan apoio do Concello de Redondela e da Asociación de Empresarios, pero queren sumar moitos máis. Para colaborar con esta iniciativa pode facerse o ingreso na conta Abanca de Lenda, a través do paypal e proximamente bizum. Tamén poden facerse achegas nas huchas situadas en establecementos e entidades colaboradoras de Redondela e Chapela. Poden consultar toda a información na páxina www.pegadasconalma.wercode.es.