Coa chegada das vacacións o Club de Remo de Chapela pon en marcha a súa Escola de Verán. As actividades realizaranse nos meses de xullo e agosto para achegar aos máis novos ao mundo do remo. Poden inscribirse nenos e nenas desde os 7 anos de idade. Nestes dous meses, de luns a venres, os participantes coñecerán o mundo do remo, pero tamén terán tempo para practicar xogos e outras actividades lúdicas. Julio Prado, presidente do C.R. Chapela, sinala que tamén supón unha alternativa para as familias no período de vacacións escolares dos rapaces, que este ano se amplía a todos os días da semana, de luns a venres, de 10.30 a 12.30 horas.
Trátase dunha iniciativa que vén repetindo a entidade nos últimos anos e que está a supoñer un éxito de participación. A Escola de Verán é un bo xeito de dar a coñecer o remo entre os máis novos, que aproveitan os meses de vacacións para achegarse ás actividades náuticas. Moitos deles continúan logo no club, pasando a formar parte da ampla canteira do remo de Chapela. As inscricións poden facerse nas instalacións do propio club, no baixo da piscina de Chapela, ou nos teléfonos 986 45 29 76 e 650 45 77 11. O prezo da actividade é de 50 euros ao mes.