Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un novo verquido de Aucosa causa alarma en Arealonga

vertido aucosa

Na tarde de onte os veciños de Chapela volveron denunciar un verquido procedente de Aucosa, empresa situada no litoral de Cabanas e que se dedica á fabricación de fariñas e aceites de peixe. A mancha, visible desde moitos puntos da ría, acaparaba unha longa extensión que chegaba ata a praia de Arealonga “cun cheiro insoportable”, sinalan as testemuñas. A asociación de veciños e afectados pola planta de Aucosa denunciaron esta nova vertedura ao servizo do 112. A Plataforma en Defensa de Enseada de San Simón leva anos denunciando os verquidos e malos cheiros procedentes de Aucosa, e esixen a paralización da actividade desta fábrica “polos seus reiterados incumprimentos da normativa ambiental”.

Un técnico da concellería e Medio Ambiente de Redondela desprazouse ao lugar para recoller mostras do verquido que serán analizadas e comparadas coas do pasado 26 maio, cando se produciu outra vertedura de grandes dimensións. O concelleiro, Roberto Villar, lembra que desde a administración local están a facer estas labores de control “malia non ter ningún tipo de competencia”.

Roberto Villar, concelleiro de Medio Ambiente

Villar reclama unha vez máis á Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidade e envíe algún inspector á factoría “que está a provocar verteduras na ría e cheiros pestilentes practicamente a diario”. O edil afirma que as medidas anunciadas pola empresa e a propia Consellería de Medio Ambiente para reducir os cheiros “non tiveron ningún efecto”. Asegura que a situación, lonxe de mellorar, “é cada vez peor”. A contaminación afecta non só a Redondela, senón que se estende tamén ao litoral de Vigo, Vilaboa e Moaña “afectando a milleiros de veciños da ría”

Villar reclama á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias e faga inspeccións a Aucosa

Colectivos veciñais, sociais, confrarías e as agrupacións políticas de BNG, PSdG e AER demandaron á Xunta revisar de oficio a Autorización Ambiental Integrada desta factoría “para non prorrogala”. O colectivo de afectados insiste en que estes verquidos “son motivo máis que suficiente para ordenar o cese da actividade de Aucosa, xa que non pode facer verteduras á ría”.

As redes sociais enchéronse onte de fotografías e vídeos do verquido denunciando a contaminación de Aucosa
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará