“Redondela sempre apostou pola diversidade, a tolerancia e a igualdade de dereitos, e neste ano reafirmamos ese compromiso dende o convencemento de que só co respecto e a tolerancia na diversidade, poderemos acadar unha sociedade máis xusta, igualitaria e decente”. Con esas palabras avanzaba a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o programa de actividades para o Día LGTBQI+. Os actos comezarán mañá venres, xornada na que por primeira vez se iluminará coas cores arco iris a ponte de madeira da Alameda Castelao. Esta iluminación servirá para amosar o compromiso de Redondela con esta xornada pero tamén se acenderá noutras ocasións “coas cores de diversas iniciativas sociais solidarias”, explica Rivas.
O luns 28, Día LGTBIQ+, ás 12.00 horas terá lugar a lectura do manifesto coa colaboración das asociacións Irisar, de Redondela, e PVLSE. Tamén se presentará o escenario “Posa pola Diversidade” na Praza do Concello para que todos os que o desexen poidan facer as súas fotografías. O venres, 2 de xull, no Multiúsos da Xunqueira celebrarase unha charla coloquio a cargo de PVLSE co título “Diversidade e Historia LGTBI”. Ese mesmo día, ás 21:30 horas, quedará instalado na Alameda Castelao un Punto de Información Arco Iris, e a xornada pecharase ás 22.00 horas co concerto de Sacha na Horta, tamén na Alameda Castelao.
Un programa “co que demostramos que Redondela está á fronte de iniciativas que dan visibilidade á diversidade dentro da normalidade social”, sinala a alcaldesa.