Os espazos naturais dos ríos Fondón e Pugariño en Chapela, e a zona intermareal de Cesantes serán protagonistas este domingo de dúas rutas organizadas pola concellería de Medio Ambiente. Para a cita de Chapela os participantes sairán dende o pavillón Manuel González Soto, ás 10.00 horas, para facer un percorrido dunhas 6 horas, con parada para descansar e xantar. A ruta ten sentido circular con paradas programadas para facela cómoda para os camiñantes, que poderán descubrir muíños ocultos, camiños e sendas cheas de sombra do bosque de ribeira da Chapela máis descoñecida. A actividade estará dinamizada por Álvaro Diego, guía local. A actividade é de balde, con prazas limitadas. Cada participante deberá levar o seu xantar, recomendase calzado e roupa cómoda.
Tamén este domingo, en Cesantes, faranse dous paseos guiados polo litoral da parroquia para coñecer a flora e a fauna da zona intermareal, e os procesos de formación da enseada e os sistemas dunares. O punto de encontro será no peirao de Cesantes, cunha primeira saída ás 10.15 horas e unha segunda ás 13.15 horas. A actividade é de balde e estará dinamizada pola empresa Faia Educación Ambiental.
Para todas as saídas poden informarse e facer a súa inscrición no enderezo electrónico turismo@redondela.gal ou no teléfono 986 40 17 13.