Logo de tres temporadas ligado ao CD Choco, o adestrador Gonzalo Fernández e o seu segundo, Óscar Pérez, despídense do club redondelán. O propio técnico, que antes de dirixir o equipo foi xogador, recoñeceu que non se pode “desligar totalmente” do club redondelán no que pasou tanto tempo, polo que esta despedida é “un ata logo, e non un adeus definitivo”. Satisfeito co resultado destas tres temporadas nas que dirixiu o equipo de Terceira Nacional, “Gonza” explica que chegou o momento do “cambio” e explorar outros camiños. Amosouse tamén contento pola reacción tanto dos xogadores como da directiva tras o anuncio e tamén agradecido por esta experiencia.
Lembra que nestes tres anos á fronte do equipo sempre contou co apoio dos xogadores e da directiva, que lle deu a oportunidade sendo moi novo de estearse como técnico na Terceira División. Malia os comentos complicados, especialmente nesta última temporada coas limitacións da pandemia da Covid, Fernández sinala que foron tres temporadas “para disfrutar moito” tanto o público como o club e os adestradores. Asegura que sempre se sentiu “apoiado e entendido” no CD Choco, unha confianza que fai que os resultados “sempre sexan mellores”, apunta.
Para o técnico o máis cómodo tería sido continuar no CD Choco, pero entende que despois da última temporada “con moito desgaste” era o momento de dar “un paso a un lado”. Pensa Gonza que será bo para o club facer ese cambio do banco, e tamén para el e Óscar Pérez que buscan a oportunidade de “seguir medrando como técnicos”.
O Coruxo é o club de destino para “Gonza”. O club vigués presentou esta mañá ao seu novo técnico, que asinou por dúas tempadas con opción a unha terceira. No club confían no adestrador procedente do Choco para acadar o obxectivo do ascenso a Primeira Federación.