Remataron os traballos que estaba a levar a cabo o Concello de Soutomaior no lavadoiro do barrio de Moreira. A actuación, enmarcada no Programa Municipal de Recuperación de Patrimonio, ten como obxectivo recuperar antigas zonas de uso colectivo, como fontes e lavadoiros, para darlles unha nova vida. Estes puntos servían tradicionalmente como lugar de encontro entre os veciños, nos que ademais de lavar a roupa compartíanse experiencias e fortalecíase a comunidade. Para manter viva a esencia destes lugares, o lavadoiro recuperouse utilizando materiais como o granito, garantindo así a súa integración na contorna. As obras consistiron no rexuntado de toda a mampostería perimetral, o selado do interior do lavadoiro e reformouse o chan cun novo pavimento de pedra. A cuberta de ladrillo foi substituída por unha nova estrutura de madeira e tellas.
Por último, instalouse unha varanda de seguridade no exterior do recinto, unha luminaria estanca e un proxector led para dotar ao lavadoiro de iluminación, así como unha válvula de baleirado para garantir a correcta evacuación da auga cando sexa necesario.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicou que nos anos recuperáronse ducias de fontes e lavadoiros en todo o municipio. “Son unha parte moi importante da nosa historia que debemos protexer e conservar”, sinalou o rexedor. Os traballos contaron cun orzamento de 17.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.