O Concello de Redondela amplía o seu patrimonio coa compra dunha da parcela de 4.000 metros cadrados situada ao carón do convento de Vilavella. No solar hai unha nave en estado ruinoso que será demolida. No seu lugar crearase na zona un aparcadoiro público e tamén espazos de lecer para a cidadanía. A concelleira de Urbanismo, María Castro, explica que a adquisición desta finca era un paso “imprescindible” para poñer en marcha a reforma integral da Paza de Ponteareas. Trátase dun ambicioso proxecto para humanizar unha das principais entradas ao casco urbano de Redondela, cunha posta en valor do Convento de Vilavella e o Camiño de Santiago. A reforma suporá a eliminación de prazas de estacionamento, e para dar resposta á necesidade de aparcadoiro e mellorar a contorna o goberno local fixou como obxectivo a compra desta parcela “que agora é unha realidade”.
O Concello negociou a compra coa firma Building Center, propietaria da parcela, e o preao final estableceuse en 449.350 euros, dos que 416.226 euros serán financiados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019. A compra deste terreo cumpre cun dobre obxectivo: por unha banda permitirá dispoñer dun novo espazo público para a cidadanía, e por outra banda derrúbase unha nave situada a carón dun ben patrimonial como é o convento de Vilavella, do século XVI. Castro explica que a actuación ten tamén un beneficio medioambiental engadido xa que o solar linda co río e conecta co paseo do Salgueiral.
Para a posta en valor de toda a zona, onde conflúen o Camiño de Santiago Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, o Concello conta xa cun ambicioso proxecto. Está redactado polo estudo Gándara y Pons Arquitectos, e as obras contarán cun investimento de 2,5 millóns de euros. Inclúe unha gran praza central na que se integrarán o convento e espazos axardinados, prazas de estacionamento e zonas de paso para conectar coa estrada do Muro.
Incorporar esta parcela ao inventario público permitirá ao Concello redondelán seguir dando pasos cara unha “mobilidade sostible”, cun aparcadoiro disuasorio que permitirá eliminar coches estacionamentos das beiravías da estrada. Este aparcadoiro complementará as zonas de estacionamento públicas que xa existen no casco urbano e o aparcadoiro soterrado da Xunqueira. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que os espazos humanizados nas vilas e cidades “son tamén elementos dinamizadores da economía local”.