O Concello de Soutomaior rematou os os traballos de acondicionamento e humanización do novo viario de acceso ao Peirao de Arcade. A mellora eliminou un antigo almacén privado xunto ás vías do tren e permitiu urbanizar a contorna do edificio multiusos de Arcade. Conta con novas beirarrúas de tres metros de ancho, unha zona de aparcadoiro con 30 prazas e serve para dar continuidade á viaria que discorre paralela ás vías do tren até a rúa Carburos. A vía ten un sentido de circulación único, “o que permite gañar espazo para os peóns”, indicou o alcalde, Agustín Reguera. As obras incluíron un sistema de iluminación de baixo consumo, rede de recollida de augas pluviais, mobiliario urbano e un novo aparcadoiro para bicicletas. Con esta actuación o rexedor confía en mellorar a mobilidade dos veciños da zona, tanto condutores como peóns, e tamén dos usuarios do multiusos “un dos grandes centros da actividade municipal, que agora é máis acolledor e accesible”, apunta Reguera. A actuación contou cun orzamento de execución material de 88.000 euros, financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.