Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Dimite a concelleira de Seguridade e Interior de Redondela

sdr

A concelleira de Interior, Marta Alonso, formalizou hoxe a renuncia á súa acta de concelleira do grupo de goberno. Fíxoo a través dun escrito presentado no Rexistro Xeral da Casa do Concello. A renuncia faise extensiva ás súas competencias dentro do goberno local, nas áreas de Seguridade e Interior e Eventos. Segundo un comunicado de prensa remitido polo Concello a decisión xa fora notificada días atrás á alcaldesa Digna Rivas, e formalizarase no pleno ordinario deste mes de xullo. Mentres non se cubra a súa vacante, as áreas que ata o de agora xestionaba Alonso serán asumidas directamente pola alcaldesa. Alonso formaba do Grupo Municipal Socialista dende o 15 de xuño de 2019, data na que se constituíu a actual Corporación Municipal tralas eleccións municipais.

A dimisión chega despois dunha semana marcada pola polémica na xestión da Policía Local de Redondela, ao estar o municipio sen ningún axente de servizo o pasado 26 de xuño, xornada na que se produciu un grave accidente cun motorista falecido. Actualmente as baixas, permisos e vacacións do persoal levan a que o servizo estea “baixo mínimos”. Nos últimos días en varias ocasións un único policía estea de servizo para todo o municipio. Os axentes falan de “falta de previsión e mala xestión” por parte dos responsables municipais. Lamentan que este verán non se contratasen auxiliares de reforzo, como anos anteriores, e denuncian “a falta de diálogo” por parte dos responsables municipais “para buscar solucións ao problema de falta de persoal”.

AER esixira a Rivas depurar responsabilidades “ao máis alto nivel”

A falta de persoal na Policía Local de Redondela levara o pasado venres á Agrupación de Electores, socios de goberno do PSOE, a esixir á alcaldesa que depurase responsabilidades “ao máis alto nivel”.O seu portavoz, Xosé Carlos Orge, sinalaba en Radio Redondela que deixar o municipio sen ningún axente de servizo é unha situación alarmante, “que non se pode aceptar”, e cualificou a xestión de “neglixente”.

O PP pide a dimisión de Rivas e “responsabilidade” aos grupos que apoiaron a súa investidura

A “inacción” política e falta de capacidade de Digna Rivas “para xestionar os servizos municipais básicos” son os argumentos do PP de Redondela para pedir a súa dimisión á fronte do Concello. A polémica xurdida a raíz da falta de persoal na Policía Local levou á voceira popular, Carmen Amoedo, a esixir a dimisión da alcaldesa. Amoedo sinala que este non é un problema illado, senón “un problema de liderado e de capacidade “.

Carmen Amoedo, voceira do PP

Entende que a solución “non pode esperar”, xa que a situación sanitaria é tamén preocupante “cunha importante repunta de casos Covid que fai máis necesaria a presenza policial para controlar a mobilidade nocturna e os botellóns”.

Amoedo urxe unha solución ante o repunte de casos Covid, que fai necesaria máis presenza policial

Os populares fan un chamamento a todos os grupos políticos da corporación para reflexionar sobre o deterioro dos servizos municipais “e a falta de acción e de comunicación do actual goberno”. Como grupo maioritario (contan con 9 dos 21 concelleiros da corporación), o PP di asumir a súa “responsabilidade” e pídelle ao resto de partidos “sentarse a falar e buscar solucións”. Amoedo pide “corresponsabilidade” aos grupos de AER e BNG “que apoiaron a investidura da candidata socialista Digna Rivas.

Os populares advirten que a falta de xestión municipal non se limita aos problemas de persoal na Policía Local. Amoedo advirte tamén de “deficiencias no servizo de emerxencias SEIS, o abandono do mantemento nas parroquias, co atraso nos labores de roza, a falta de limpeza nas praias, ou a demora na xestión das prazas dos campamentos de conciliación”. Por iso Amoedo entende que o problema “non pode solucionarse cun cambio de caras nunha concellaría”, e pide a Digna Rivas que dimita.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará