Preto de 200 persoas concentráronse onte na praza do Concello para expresar a súa repulsa e condena polo asasinato a golpes de Samuel, un mozo de 24 anos. O crime cometeuse na Coruña, o pasado sábado de madrugada. En Redondela foi a asociación Irisar a que convocou o acto, que contou co apoio do Concello. María González, voceira do colectivo, foi a encargada de ler o manifesto no que puxo de relevo a proliferación de atentados homófobos en diferentes vilas e cidades nos últimos tempos. Advertiu que o “discurso do odio” que se fomenta desde algúns sectores “lexitima” accións violentas como o asasinato de Samu ao berro de “maricón de merda”.
Instou aos participantes na concentración a “frear e corrixir” insultos ou bromas de carácter homófobo, que “normalizan a criminalización de quen é diferente”. Lembrou o dereito de todas as persoas para amar libremente, “porque ese amor non fai dano a ninguén, e o odio si”.
Coñecida en Redondela como María da Montera, confesou que persoalmente tivo a sorte de ser comprendida, respectada e querida no seu entorno, pero advertiu que son moitas as persoas “maltratadas e discriminadas pola súa identidade ou orientación sexual”. Lanzou unha mensaxe de apoio e solidariedade para a familia e amigos de Samuel e aseguroulle a todas as persoas que poidan estar sufrindo calquera tipo de acoso “que non están soas”, e poden contar co apoio de Irisar.
Concentracións en ducias de cidades e vilas
As concentracións realizáronse en máis de 60 cidades e vilas de Galicia, sendo a maior protesta na praza de María Pita, na Coruña. Tamén se celebraron concentracións en urbes de toda España. Madrid, Valencia ou Barcelona son algunhas das cidades que renderon onte unha homenaxe a Samuel, o mozo asasinado na Coruña o pasado sábado, que morreu por unha malleira homófoba. Baixo a lema, #XusticiaParaSamuel os asistentes amosaron a súa repulsa polo asasinato. Samuel Luis Muñiz recibiu unha brutal malleira por parte de varias persoas, supostamente, mentres falaba con alguén por videoconferencia. Os investigadores traballan coa hipótese de que todo comezou por unha confusión. Samuel participaba nunha videochamada co móbil ao mozo dunha amiga que estaba con el. Ao pensar que estaban a ser gravados, os atacantes comezaron a agredilo en grupo sen que este puidese explicarse e defenderse. Os amigos do falecido e diversos colectivos tamén denunciaron que se trata dun crime homófobo, xa que Samuel, que traballaba como auxiliar de enfermería, era homosexual. A xuíza instrutora do caso decretou o segredo de sumario.