Durante os meses de xullo e agosto, veciñas e veciños terán a oportunidade facer taichí e gozar dos beneficios desta práctica milenaria “que proporciona relaxación, reduce a ansiedade, mellora a flexibilidade do corpo e o equilibrio da mente”. A actividade desenvólvese en Chapela, nas inmediacións da igrexa, os luns e mércores. Os martes e xoves a actividade realízase na Alameda Castelao de Redondela. En ámbolos casos o horario é de 9:30 a 10:30 horas. As clases de taichí, que son gratuítas, están abertas á participación de persoas de todas as idades, e non é preciso inscrición previa. Tan só deben achegarse os días da clase con roupa e calzado cómodo. Durante a actividade será obrigatoria a máscara de protección, malia facerse ao ao aire libre e mantendo a distancia de seguridade. Son moitas as razóns para animarse a practicar taichí, entre elas a mellora dos sistemas cardiovascular e respiratorio. Ademais esta práctica milenaria de orixe chinés tamén mellora a osixenación cerebral e a memoria.