Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alcolemias, condutores á fuga e botellón no casco urbano

PoliciaControl

Fin de semana de incidentes en Redondela, con varias actuacións da Policía Local e Nacional, que na madrugada de onte participaba nun dispositivo conxunto no que se detectaron dúas alcolemias positivas. Un dos condutores portaba tamén sustancias estupefacientes e foi denunciado tamén por desobediencia grave aos axentes. Outro vehículo deuse á fuga, facendo caso omiso das indicación dun axente da Policía Nacional. Foi recoñecido por varios axentes no momento da fuxida, e posteriormente presentouse de xeito voluntario nas dependencias da Policía Local, onde foi identificado e sancionado. Os axentes tamén recibiron aviso dun posible botellón dun grupo de 20 persoas nas inmediacións da igrexa en Redondela. Os participantes foron localizados nas rúas interiores do casco urbano e propostos para sanción dous deles, por portar arma branca e por non facer uso da máscara. Unha serie de incidentes aos que fan fronte os axentes, que seguen a denunciar a falta de persoal na policía local.

Faltan axentes para facer fronte ás restricións da Covid

A policía segue a denunciar a falta de persoal mentres se incrementan os problemas na rúa pola situación sanitaria, con Redondela no nivel medio de restricións. Esta pasada fin de semana só había dous policías de servizo, xunto cunha patrulla da Policía Nacional, para o evento do Kite Fest en Cesantes no que se congregaron centos de persoas. Representantes do corpo policial advirten que cos efectivos actuais “é imposible atender todas as situacións ou realizar controis preventivos para reducir os accidentes graves e o consumo de alcol ao volante na nosa vila”. En canto á dimisión da xa ex concelleira responsable do departamento, Marta Alonso, os axentes amosáronlle o seu agradecemento “polo seu esforzo en solucionar os problemas de falta de persoal, a xestión na asistencia ás vítimas de violencia de xénero, na aplicación das medidas Covid, etc”. Desde o corpo policial entenden que a culpable da mala xestión “non é ela, senón que as decisións veñen dende máis arriba”. A posibilidade de que o actual concelleiro de Persoal, Alberto Álvarez, asuma a competencia de Interior non convence aos axentes. A Policía Local xa pedira a súa destitución o pasado mes de maio “por menosprezar a formación dos axentes”.

AER pide explicacións a Rivas pola situación da Policía Local

Desde a Agrupación de Electores de Redondela, socios de goberno do PSOE no Concello redondelán, insisten tamén na crise que vive o corpo policial, que cualifican de situación “grave” pola falta de efectivos. Pedíranlle á alcaldesa que depurara responsabilidades, pero a dimisión da concelleira Marta Alonso non é suficiente para AER. Felicitan á ex concelleira polo seu xesto de dimitir, pero sinalan que “aínda non se deron explicacións de quen aprobou o calendario no que se asumía que o servizo quedaba sen axentes”. Por iso esixen á alcaldesa, Digna Rivas, “que dea información do acontecido e explique as medidas adoptadas para que non se volva repetir”. Rivas anunciou anunciou unha remodelación na concellaría de Interior e asumiu momentaneamente as responsabilidades que tiña Alonso. O pasado 26 de xuño, por baixas e vacacións, non había ningún axente de servizo en Redondela, xornada na que se produciu un grave accidente. Noutras ocasións tan só un policía está de servizo pola falta de persoal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará