A quinta vaga da Covid non deixa de medrar. En Redondela rexistráronse 92 novos contaxios nos últimos 14 días, o que deixa unha incidencia acumulada (IA) de 315 casos por cada 100.000 habitantes. O incremento é semellante ao da cidade de Vigo, con 908 novos diagnosticados de Covid nas dúas últimas semana, o que supón unha incidencia de 307 casos. Tamén aumentan os casos en Soutomaior, aínda que en menor medida, e con 14 novos contaxios o municipio rexistra unha incidencia de 189. En Fornelos de Montes a IA está tamén entre os 150 e os 250 casos. A situación é mellor en Pazos de Borbén, que está por baixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes.
En tan só unha semana o conxunto de Galicia sumou 3.381 novos contaxios. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 6.298 persoas Con covid−19 no país, 614 máis ca onte. Por áreas sanitarias Vigo é a que rexistra máis contaxios, un total de 1.389. A segunda con máis casos é Ourense (1.243 contaxiados) e tamén as áreas sanitarias de Pontevedra e A Coruña superan o milleiro de casos (1.139 e 1.086 respectivamente).
O dato positivo é que se mantén a estabilidade na presión hospitalaria. No conxunto de Galicia hai 67 persoas ingresadas por Covid, das que 10 están nas UCI e as outras 57 en planta. Tampouco aumentou o número de vítimas pola Covid−19 na última semana, a cifra de falecidos mantense en 2.439.
A ocupación nas terrazas limítase a dez persoas en toda Galicia
O ritmo de incremento nos contaxios levou á Xunta de Galicia a dar un paso atrás na desescalada. Redúcese o número de persoas non conviventes que se poden reunir no exterior da hostalería, que pasará de 15 a 10. No interior, a restrición seguirá polo momento en 6. Ademais, tamén se vai incrementar o control do lecer nocturno, xa que se esixirá unha proba diagnóstica negativa ou o certificado de vacinación para acceder a estes locais en todos aqueles concellos onde está permitida a súa apertura.
Redondela seguirá unha semana máis no nivel medio de restricións, ao que se suma tamén Vigo a partir do sábado. Os locais de hostalaría poden ocupar as terrazas ao 50% de aforo, e o interior ao 30%. Poden abrir ata as 01.00 horas. Estarán tamén en nivel medio Culleredo, Porto do Son, O Carballiño, Ribadavia, Sarria, Sanxenxo, Poio, A Pobra do Caramiñal, Marín, Pontevedra, Caldas de Reis, Salceda de Caselas e Boiro.
Así o anunciou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico que decidiu situar en nivel alto de restricións os concellos de Ourense, Barbadás, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e O Barco de Valdeorras.
O conselleiro dixo que as novas restricións de reunións son polo momento recomendables para os domicilios e o ámbito privado, pero non se descarta facelas obrigatorias se a situación non mellora. Comesaña dixo que esta medida se adopta para “tratar de acoutar” o incremento de contaxios na poboación que máis preocupa, que é a máis nova, polo que hai que “volver atrás” e facer “unha paréntese” na desescalada.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas deste próximo sábado, agás a da norma que regula o acceso aos locais de ocio nocturno. Será previsiblemente o martes cando sexa necesaria a proba diagnóstica negativa ou o certificado de vacinación para entrar nestes establecementos.