A liga galega de traiñeiras ten mañá sábado unha dobre cita en augas de Arealonga. O C.R. Chapela organiza a XXXV Bandeira Concello de Redondela da LG-B e a VI Bandeira Concello de Redondela Feminina. Ás 17.30 horas comeza a regata feminina, na que as anfitrioas tentarán facerse coa bandeira, e ás 18.30 será a quenda da LG-B masculina. O presidente do club, Julio Prado, confía en que sexa unha xornada na que deportistas e afeccionados poidan gozar da categoría raíña do remo. O feito de seren anfitrións é unha vantaxe para os remeiros, que coñecen mellor que ninguén o campo de regatas, “pero tamén supón máis responsabilidade e presión por querer facelo ben diante do seu público”, sinala Prado. No club recoñecen que nesta ocasións teñen opcións de facerse coa bandeira na categoría feminina. Neste comezo de liga tanto a traíña de Chapela, que é segunda na xeral, como Cabo de Cruz, actualmente líder a un punto de distancia, son favoritas.
Será unha fin de semana sen tempo para o descanso, xa que o domingo a LG-B e a Liga Feminina teñen regata en Mugardos.
Un positivo obriga ao Cesantes Rodavigo a perder dúas regatas
Un remeiro do club redondelán deu positivo en Covid nun test de antíxenos realizado o pasado mércores. O protocolo obriga ao confinamento de toda a tripulación que competiu en Perillo a pasado fin de semana. Os deportistas deben permanecer illados até o próximo día 20, polo que Cesantes non poderá remar mañá sábado na localidade coruñesa de Mera nin o domingo na regata que organiza o C.R. Mecos no Grove.