Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela homenaxea ás mulleres da illa de San Simón

sdr

O Concello de Redondela ten programadas, para este fin de semana, distintas actividades co da celebración do Ano das Mulleres da Illa. Deste xeito queren poñer en valor “a solidariedade, humanidade e heroísmo das mulleres que foron unha gran axuda para os presos políticos da Illa de San Simón e no barco-prisión Upo Mendi”. O paseo de Cesantes acolleu esta mañá a inauguración da mostra fotográfica “As mulleres da illa de San Simón. A solidariedade é feminina”, que até agora estivo exposta na Alameda Castelao. A alcaldesa , Digna Rivas, acompañada de varios concelleiros, representantes do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, e familiares das “madriñas” da illa participaron no acto. Rivas explicou que, grazas á colaboración do Obradoiro, a mostra ampliouse con 9 fotografías máis doutras tantas mulleres da parroquia que formaron parte desa rede solidaria das Mulleres da Illa.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

En representación deste colectivo, Manuel López agradeceu o traballo do Concello por esta “merecida homenaxe” ás mulleres que axudaron aos presos da illa, e tamén salientou a colaboración das familias da parroquia, para poder identificar e recoller a historia destas mulleres. Manolo contou tamén a súa propia experiencia familiar, xa que unha das súa tías avoas foi unha desas “madriñas”.

Manuel López, representante do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy

Doutra banda, mañá sábado 17 de xullo o Concello de Redondela organizará a homenaxe institucional ás mulleres da illa de San Simón. O acto desenvolverase pola tarde na propia illa, que entre os anos 1936 e 1943 foi campo de concentración. No transcurso do mesmo intervirá Cecilia Orge para falar da historia destas mulleres solidarias de San Simón; a presidenta da Deputación, Carmela Silva e a alcaldesa Digna Rivas. Ademais, a música estará a cargo de Antía Muíño. O propósito desta homenaxe é “que non se esqueza esta parte da nosa historia recente e se recoñeza o labor dunhas mulleres que foron verdadeiras heroínas nuns anos de guerra e de posguerra moi difíciles”, sinala Rivas.

Rivas cualifica a estas mulleres de “heroínas” pola súa axuda aos presos nos difíciles anos da guerra e posguerra

As circunstancias da pandemia obrigaron a limitar as 200 persoas o número de participantes. Desta maneira poderán acudir apenas dúas persoas por familia, representantes dos colectivos que colaboraron na homenaxe e representantes de distintas institucións. O Concello de Redondela tamén convidou os alcaldes e alcaldesas dos concellos limítrofes da ría de Vigo, á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará