O municipio de Redondela evita as restricións máis estritas anunciadas hoxe polo presidente Feijóo, e que se aplicarán nas localidades en nivel máximo ou alto. O que si afecta ao municipio redondelán, no nivel medio, son as limitacións de reunións de non conviventes que se aplican en toda Galicia. O máximo serán 6 persoas no interior e 10 persoas no exterior, ou un máximo de dúas unidades de convivencia. Redondela pode manter aberto o lecer nocturno, pero as reunións de non conviventes estarán prohibidas entre as 3:00 e as 6:00 horas. Na hostalaría a ocupación será dun 50 % no interior e dun 50 % no exterior. Redondela suma 129 contaxios novos nos últimos 14 días, o que deixa unha incidencia acumulada de 442 caos po cada 100.000 habitantes.
Nas localidades en risco medio-baixo, como Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, a ocupación será dun 50 % no interior e dun 100 % no exterior.
No nivel máximo de restricións quedan O Barco, Cambados, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Sanxenxo, Meaño e O Grove. Outros 29 municipios estarán en nivel alto, entre eles Vigo, Pontevedra e Ourense. Nestes municipios pedirase proba negativa de covid−19 ou certificado de vacinación para entrar nos locais de hostalería. Ademais os non conviventes non poderán reunirse entre a 1:00 e as 6:00 horas nos municipios con nivel máximo e alto de restricións.
Na situación actual a Xunta tamén optou por eliminar as restricións de peches perimetrais que se viñan aplicando naquelas localidades que estaban en situación de risco máximo.
Hai 7 municipios en situación de risco máximo: O Barco, Cambados, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Sanxenxo, Meaño e O Grove.
Un total de 29 Concellos en situación de risco alto: Ourense, Avión, Barbadás, O Carballiño, Porto do Son, Carballo, Fisterra, Oleiros, Vimianzo, Arzúa, Ribeira, Melide, Burela, Viveiro, Cervo, Foz, Ribadeo, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Vilanova, Marín, Poio, Pontevedra, Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, O Rosal e Tomiño.
En nivel medio 38 municipios: Beariz, Entrimo, Boborás, Maceda, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Ribadavia, Vilamartin de Valdeorras, Sarria, Mondoñedo, Lugo, Vilalba, A Coruña, Culleredo, Cambre, Sada, Ames, Muros, Noia, Oroso, Santiago, Silleda, Teo, Pontecesures, Fene, Ferrol, Mugardos, Meis, Ribadumia, Caldas de Reis, Redondela, Bueu, Ponte Caldelas, A Guarda, Moaña, Mos, O Porriño e Tui.
Todas estas medidas entran en vigor o sábado ás 00.00 horas, a expensas de que as aprobe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Campaña de vacinación
Núñez Feijóo anunciou que se adianta á semana que vén a vacinación dos menores de 30 anos, que estaba prevista para o 9 de agosto.