Os grupos da oposición no Concello de Redondela, PP e BNG, valoraron nos micrófonos de Radio Redondela a actual situación do goberno local.
O BNG fala de “lóxicas tensións” dentro dun bipartito
O voceiro do BNG, Xoán Carlos González, afirma que esta “presunta crise” do goberno local non é máis que un “reaxuste de forzas” dentro do executivo de coalición. Os nacionalistas entenden que o conflito xurdiu semanas atrás, coas críticas de AER sobre a xestión da Policía Local que derivaron na dimisión da concelleira de Interior. Ao seu entender, ante esta situación a alcaldesa tivo unha “mala resposta” que foi retirarlle a AER a competencia na limpeza de praias. Para González esta situación entra dentro “das lóxicas tensións que pode haber nun goberno bipartito”, e esixen que se tomen as decisión necesarias para volver “á normalidade”.
Malia este enfrontamento “puntual” entre os socios de goberno, o edil do BNG afirma que existe “boa sintonía” entre o grupo socialista e o da Agrupación de Electores, porque “son máis cousas as que os unen que as que os separan”. En canto á proposta de AER para que o BNG entre a formar parte do goberno, os nacionalistas non valoran esta opción, e tamén deixan claro que “nin por activa nin por pasiva” favorecerán un goberno alternativo do PP. González explica que o seu grupo, con dous concelleiros, segue a traballar “con normalidade” en asuntos de importancia para a veciñanza como as reunións para a elaboracións dos orzamentos municipais.
O PP non intervirá nunha “pelexa de socios”
O PP, grupo maioritario, rexeitou polo de agora manter unha reunión con AER. A voceira da formación, Carmen Amoedo, explica que están dispostos a sentar con calquera grupo político “para falar e buscar solucións aos problemas de Redondela” pero advertiu que non van entrar en “pelexas” entre os socios de goberno.
Amoedo critica a “falta de xestión” do executivo local, que segundo denuncia está a provocar “graves problemas como a falta de persoal na Policía Local, o colapso dos Servizos Sociais ou o atraso na posta en marcha do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES)”. Amoedo apunta á Digna Rivas como responsable desta situación.
A alcaldesa, a socialista Digna Rivas, non asume a petición dos socios de AER que demandan a súa dimisión para manter o pacto de goberno. A petición da Agrupación de Electores chega despois de que Rivas retirase ao concelleiro de Medio Ambiente as competencias na limpeza de praias. Socialistas e AER conforman un goberno en minoría con sete e tres concelleiros, respectivamente. Rivas contou co apoio dos dous edís do BNG para a investidura. O PP é o grupo maioritario con 9 concelleiros.