O monumento que o Concello de Redondela erixiu en memoria das persoas asasinadas nos primeiros anos da Guerra Civil, foi novamente obxecto de actos vandálicos que afectaron tanto á propia escultura como ao panel explicativo situado a carón desta. O conxunto foi inaugurado o pasado 14 de abril na zona do Alto da Concheira, preto de Rande, e días despois sufría as primeiras pintadas. O goberno local denuncia que estes feitos “son o reflexo da intolerancia dunha minoría á que lle molesta un sistema democrático que defende a liberdade, a tolerancia e a igualdade”. A alcaldesa, Digna Rivas, subliñou que esta actitude “expresa un claro odio contra a memoria democrática do noso municipio”. Desde o Concello redondelán ratifícanse na necesidade “de traballar no recoñecemento e reparación das vítimas do franquismo e propiciar actividades de concienciación”. Rivas anuncia que se actuará “axiña” para reparar o monumento e que continúe a ser “un faro de memoria”. O Concello de Redondela “rexeita todo discurso e acción de odio contra as persoas pois cremos que só a sociedade coñecedora do seu pasado pode ser unha sociedade educada nos valores democráticos”, conclúe Rivas.