A estrada N-550, á altura do colexio Outeiro das Penas, xa conta cun paso seguro para que os peóns poidan cruzar. O Concello de Redondela rematou a instalación do semáforo dando así resposta a unha demanda histórica da veciñanza e da comunidade educativa. A presidenta da ANPA do centro, Rita Pérez, amosa a satisfacción deste colectivo logo de tantos anos reclamando un paso seguro, xa que lembra que o CEIP Outeiro das Penas pronto cumprirá 50 anos. Pérez sinala que non se trata só dunha boa nova para as familias e alumnado, senón tamén para toda a veciñanza da parroquia “xa que trata dunha zona moi transitada, preto do Centro Cultural, e tamén paso obrigado dos peregrinos que fan o Camiño de Santiago”.
Desde a ANPA advirten que foi un longo proceso ata acadar que o Ministerio de Transportes autorizase a instalación do semáforo. Os trámites formais comezaron en 2018, cando se fixo cargo da asociación a a nova directiva. “Ata ese momento non existía na Subdelegación do Goberno ningunha solicitude por escrito con esta demanda”, sinala Rita Pérez. O Concello de Redondela fíxose cargo da súa instalación unha vez se superaron todos os trámites.
A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu “a colaboración e o traballo incansable” da ANPA do CEIP Outeiro das Penas que, xunto coas xestións realizadas dende o Concello, fixeron posible dar solución “a un grave problema de seguridade viaria que afectaba, moi directamente, á veciñanza e aos nenos e nenas do Outeiro das Penas”.
O paso de peóns regulado por semáforo quedou instalado entre as dúas paradas de autobuses e a intersección de acceso ao CEIP. Desde o goberno local lembran que esta non é a primeira actuación de mellora da seguridade viaria nun entorno escolar. Na N-552, en Chapela, tamén se deu resposta á demanda da comunidade escolar do CEIP Alexandre Bóveda de Angorén, instalando outro semáforo para permitir ao alumnado cruzar sen risco a estrada nacional.