A Banda de Música de Chapela participa mañá venres nun festival na Alameda Castelao
Mañá venres comeza en Redondela unha fin de semana cargada de citas musicais. Co fin de evitar aglomeracións, a concellería de Cultura prepara un total de cinco concertos en diferentes espazos “para descentralizar a programación e que o público poida acudir aos concertos que máis lle gusten sen masificación”. O concelleiro Daniel Boullosa sinala que en todos os espectáculos se seguirán os protocolos Covid, con distancia entre as cadeiras e uso obrigatorio de máscara.
25º Festival de Bandas de Música
A primeira das citas será mañá venres co 25ª Festival de Bandas de Música. Logo de ter que suspender a cita do ano pasado por mor da pandemia, neste 2021 recupérase o certame, organizado o Concello en colaboración coa Banda de Música de Chapela. Desde a Escola de Música de Chapela, a directora Begoña Rial, amósase moi contenta de poder recuperar este certame “con tanta tradición”.
O director da Banda de Chapela, Andrés Álvarez, coincide en que se trata dunha cita “moi especial para os músicos das bandas” xa que se trata dunha experiencia “moi gratificante”.
Comezará ás 20.00 da tarde cun pasarrúas no que participará a banda redondelá xunto coa Agrupación Musical Lira, de San Miguel de Oia. O festival comezará ás 20.30 hora na Alameda Castelao. Participarán uns 80 músicos, 40 por cada banda. No caso da agrupación de Chapela a formación conta con intérpretes de diferentes xeracións, desde os 10 anos de idade ata máis de 60.
Fabulosos Zebulones e Chaleco Reflectante
Tamén na Alameda Castelao, pero noutra zona, actuarán ás 21.30 os Fabulosos Zebulones, unha banda homenaxe de The Beattles, cun amplo repertorio de versións dos mellores temas da agrupación de Liverpool; e os redondeláns Chaleco Reflectante, agrupación de punk rock alternativo, con Andrés Núñez na guitarra e voz; Alberto Cortés na batería e Nicolas Nantes no baixo.
Encontro Folclórico de Reboreda
O torreiro de Reboreda acolle o sábado, día 31, un encontro folclórico no que participa a Asociación O Carballo das Cen Pólas e a Agrupación Folclórica Álvaro Cunqueiro de Valdoviño, Ferrol. O concelleiro Boullosa destaca neste caso a colaboración da asociación O Carballo da Cen Pólas na organización do evento. Comezará ás 21.00 horas.
Airiños da Peneda na Alameda Castelao
Esta fin de semana o ciclo de concertos da programación cultural do Concello inclúe o sábado a actuación do grupo Airiños da Peneda, ás 21.30 horas.