O Concello de Redondela iniciou a semana pasada os traballos para a construción do Centro Social de Quintela, obras que se realizan nos terreos cedidos por ADIF-AV. A concelleira de Urbanismo, María Castro, explica que as obras ascenden a 423.000 euros que serán financiados con cargo ao remanente de tesourería. Os traballos foron adxudicados á empresa Rocas Graníticas del Condado, S.L., e teñen un prazo de execución de 4 meses, polo que o centro estará rematado antes de que remate o ano. Castro amosaba a súa satisfacción polo inicio destas obras, que dan resposta “a unha vella aspiración da veciñanza de Quintela que carecía, ata o de agora, dun espazo adecuado para a realización das súas actividades sociais, culturais e veciñais”.
Este proxecto, que xa fora adxudicado polo anterior goberno do PP en 2019, sufriu un atraso de dous anos ao non poder realizarse por diversas irregularidades detectadas. A responsable de Urbanismo explica que a empresa adxudicataria renunciou a facer a obra “ao detectar deficiencias de redacción do proxecto”. Por outra banda o Colexio de Arquitectos de Galicia fixo unha denuncia por escrito ao considerar infrinxía a Lei de Ordenación da Edificación e estaba asinado por un técnico “que non tiña competencias na materia”. Castro explica que ante estes problemas o actual goberno local tivo que iniciar outro procedemento “comezando pola redacción dun novo proxecto que corrixira as deficiencias anteriores, solicitar novos informes técnicos e as autorizacións sectoriais pertinentes”.
O novo Centro Social de Quintela contará cunha superficie de 240 metros cadrados, e unha parcela exterior duns 20.000 metros que será acondicionada para actividades ao aire libre.